Categorías
Agora

O mellor está por vir

Ola, amigos. Canto tempo! Así, case sen contar, aló van uns poucos meses desde que lanzamos ao mundo agora.gal. E que son uns meses en tempo histórico? Pois nada, diredes vós. Pero a nós ese lapso de tempo deunos para moito… Por exemplo, para construírmos un lote de reflexións que hoxe, cunha boa dose de repouso, queremos compartir convosco.

O lanzamento de agora.gal

O 11 de abril do 2021 ás 11:00 botou a voar o noso proxecto. Fomos puntuais no lanzamento, aínda que vos temos que confesar que, internamente, a saída xa fora atrasada varias veces. As casuísticas foran diversas, aínda que no fondo a razón é ben sinxela: unha boa cociñada precisa tempo e amor, e nós quixemos darllo. Os últimos meses, frenéticos, permitíronnos afinar mellor a idea, acoller máis talento no equipo e integrar novos medios no metamedio que soñabamos. Todo ese traballo levábanos a encetar abril cargados de nervos: non queríamos defraudar as expectativas que se foran creando arredor desta criatura que chamamos agora.gal.

E por fin a web estivo no ar! Centos de retweets, mencións, comentarios, e-mails, whatsapps, telegrams… Dúas persoas a atender as redes sociais e non dábamos feito: nunca tal nos pasara! Levounos un par de días poder responder a tanto cariño, mais correspondelo… iso é un obxectivo máis ben de longo prazo. De nós falaban un lote de persoas que admiramos desde sempre, escribíannos desde proxectos que descubríamos no momento… E todos parabenizando pola idea e dando folgos. Aqueles primeiros días eramos o Cuco de Velle ollando para o espello. O subidón foi baixando, pero o calor aínda nos dura.

Por dar algunha medida das cousas: no primeiro día recibimos 5000 visualizacións de páxina; na primeira semana, máis de 10.000. Con respecto ás redes sociais, o total de impresións das mensaxes relacionadas co lanzamento superou as 400.000. En poucas horas pasamos duns centos de seguidores a máis de 4000. Demasiado.

O que veu despois

O lanzamento foi cuberto con grande agarimo por moitos medios de referencia para nós. Podemos destacar a entrevista en Praza Pública, o artigo de Gciencia, a cobertura de Que Pasa na Costa ou as reflexións desde A Movida, un dos proxectos integrados en agora.gal. Estivemos nas ondas coas entrevistas en Radio Fusión, nos Lambóns Dixitais da Radio Galega ou no Salta da Cama da Radio Estrada. Algún tempo despois, tamén participamos nos directos de Orgullo Galego xunto cos compañeiros da Revista Morcego. Moitos outros se fixeron eco, e seguro que moitos continuarán a falar de nós durante os próximos anos. Imos pouco a pouco, mais estamos aquí para durar.

Naquelas primeiras semanas tras a saída, as reunións de valoración interna foron frecuentes. Sobre a mesa, xunto co cariño dos amigos e a boa acollida dos medios, tamén había que colocar os números, os fríos números. Dentro do noso equipo, había quen tiraba do corazón e quen poñía máis cabeza. Gústanos ter un pouco dos dous, mais sobre todo gústanos compartir o que temos. En aberto.

Como o noso obxectivo é facer de ponte entre lectores e contidos, a métrica mais aliñada co que buscamos son os clicks que contabiliza a nosa web e que enviamos aos nosos creadores asociados. En correspondencia coa repercusión nas redes sociais e a boa acollida web, naqueles primeiros días os números foron espectaculares. Varios centos de clicks ao día, nalgunha ocasión superando os mil, apoiaban o sentido da nosa proposta. Logo, as métricas descenderon, mais con frecuencia seguimos por riba dos 100 clicks diarios. A web non caerá con tanto tráfico, mais é un comezo. As bases son sólidas e agora toca medrar.

O que está por vir

A onda de enerxía positiva que recibimos permitiunos manter un alto ritmo de traballo durante os primeiros meses. Reunións semanais, actualizacións sobre o proxecto para os nosos creadores de contidos, contacto e integración de novos medios, búsqueda de máis anunciantes que encaixen na nosa filosofía, xestión das redes sociais, retoques na web… Pero no verán houbo que baixar o ritmo, e o certo é que o baixamos ben. Máis do que nos tería gustado.

Mais como xa apuntamos, non vimos aquí para arder coa mecha curta. Vimos para durar. Chegou o outono, un principio de etapa para tantas cousas. E nós encarámolo coas baterías cargadas e con máis forza de traballo embarcada connosco. O rumbo está ben definido; toca alimentar o lume. Continuamos: o mellor está por vir!

Categorías
Agora

agora.gal: minuto 0

Non somos un medio máis. Non queremos selo.

Queremos ser o medio dos medios. Unha ferramenta que apoie, que facilite. Que faga posible. Que impulse a todos aqueles medios e blogues que queren contar o mundo desde este centro do mundo. Que achegue a tantos e tantas creadoras de contidos, que os poña en relación, que os conecte cos seus. Que xere comunidade.

Queremos que agora.gal sexa un lugar de encontro no que todas e todos nos encontremos a gusto. Unha porta aberta a lugares descoñecidos. Un espazo ao que acudamos para saber o que se move no mundo… ou para movelo.

Queremos que veñades aquí con ganas de perdervos, de aprender, de descubrir. Temos moito que contar e queremos contalo. Agora.

Categorías
Agora

agora.gal no Día dos Medios en Galego

O pasado sábado, a AMEGA celebrou o Día dos Medios en Galego na Casa de Rosalía de Padrón co programa Moito que sachar presentado por Fede Pérez e retransmitido vía streaming. E alí estivemos nós amosando en exclusiva a web de agora.gal! Que saibades que estamos xa na conta atrás definitiva para o lanzamento do proxecto… Atendede ao blog e ás nosas redes, que en poucos días anunciamos data de saída!

Podedes ver a gala ao completo no seguinte vídeo. Nós aparecemos a partir do 1.11.30. Dádelle ao play!

Categorías
Agora

FNAQ – Todo o que nunca vos preguntastes sobre agora.gal

agora.gal por aquí, agora.gal por alá… Que non sabedes moito do que a andamos a argallar? Pois non vos preocupedes, porque nesta FNAQ (Frequently Not-Asked Questions, vamos, todo iso que nunca se vos pasou pola cabeza preguntarnos) están todas as respostas! ? E se vos queda algunha dúbida, lémosvos nos comentarios!

Que vén sendo iso de agora.gal?

Pois basicamente, unha iniciativa de agregación e distribución de contidos dixitais en galego. Con apariencia de medio de comunicación, agora.gal é moito máis que iso: é un medio de medios, é unha constelación de estrelas, é un mar a onde chegan os ríos do galego online, é unha porta aberta á nosa internet, é unha ágora para a comunidade dixital galega, é un…

Mimá, pero vós estades fatal. Como lle armades esta canfurnada?

Pois o proxecto parte dunha percepción que nós temos como lectores de contidos en galego. Non damos seguido todos os medios e os blogs que nos interesan! E podemos dicir máis: hai moitos proxectos interesantísimos que só descubrimos unha vez que comezamos a argallar isto. De feito, como xa comentamos por aquí, este marabilloso caos que é a internet non reserva o mellor dos lugares á información en galego. Entón, por que non impulsar un lugar de referencia desde o que chegar a ela? Algo parecido fixemos con podgalego hai xa case quince anos, e non funcionou mal… Pensamos que agora.gal pode aportar valor para os lectores, que accederán desde a mesma páxina a boa parte do mundo online en galego, e tamén para os proxectos que apostan pola comunicación na nosa lingua, que aumentarán a súa visibilidade.

Entón quedades cos contidos que fai outra xente?

Non exactamente. Cando alguén clica nunha ligazón partillada en agora.gal, o noso portal rediríxeo ao lugar onde o texto foi publicado orixinalmente, xerando tráfico para as propias webs. Respectamos moitísimo aos creadores de contidos e o que queremos é precisamente darlles un pequeno impulso. Ademais, se agora.gal funciona pode contribuír na construción da comunidade dixital galega, que ao noso ver non está sobrada de proxección nin tampouco de cohesión e de espazos de encontro.

E como facedes para que todos eses contidos cheguen á vosa web?

Pois durante uns anos dedicámonos a trackear os blogs e medios en galego, o que deu pé a este apartado de ligazóns. Logo, comezamos a contactar con eles para ver o interese que podían ter en participar nunha iniciativa coma esta, o que nos animou moito a poñernos ao choio. Para o noso lanzamento temos trinta blogs e medios colaboradores, e aínda estamos a facer contactos! Nada mal, ou? Pero volvendo á pregunta… O sistema está automatizado, de xeito que cando se publica un novo post nalgunha das webs que participan este entra directamente en agora.gal, organizado nalgunha das seccións que definimos. Nós só imos botando un ollo e, na medida do posible, dándolle uns retoques á portada para que esta sexa máis equilibrada e atractiva.

A ver, todo correcto, pero unha cousiña… podédesme dicir que quitades vós con isto?

Boa pregunta, hehehe. Nós decidimos botar a andar este proxecto porque o consideramos necesario, sen moita máis historia. Non deixa de ser unha iniciativa sen ánimo de lucro, aínda que nos gustaría que fose sustentable economicamente ofrecendo publicidade de empresas de ámbito galego, un asunto no que andamos a traballar.

E logo, o galego interesa tanto?

Pois cos anos que ten, algo interesará! Mmm, igual esa non é a nosa mellor resposta… ? Pero algo ten que interesar, con tantos millóns de persoas a falalo polo mundo adiante! O certo é que isto non deixa de ser un experimento. Iremos vendo canto interesa… De aquí a algún tempo contámosvos!

Veña, deixa de darlle visitas a okdiario e cociña con estes grandes blogues que temos por aquí!

Categorías
Agora

Temos un propósito… agora

Pasouche isto?

Vivimos nun mar de información. Desde que chegou internet temos moreas de contidos ao noso dispor. De feito, non damos atendido a todo o que nos interesa, o que ás veces nos satura e mesmo nos chega a xerar estrés. Pero tamén nolo pode provocar o FOMO ou “medo a perder algo”. Son os paradoxos do noso tempo.

Porén, internet tamén ten moitas vantaxes. Por exemplo, permite que calquera xere información cun alcance e unha velocidade que antes eran impensables. Aquí estamos nós contándoche isto directamente, e hai moitísima xente preto de ti facendo o mesmo. ¡É magnífico! Peeeeero…

Se temos en conta o océano que é internet e as pingas que nós podemos crear, vemos que o impacto acaba sendo moi limitado. Ou ao revés, non conseguimos encontrar as pingas que realmente nos interesan no océano da información. Seguro que moitas veces deches con algo na rede que che fixo pensar: pero como non atoparía eu isto antes?

Un caos marabilloso

Internet é un caos marabilloso. Pero xa nos 90 houbo que pórlle orde coa chegada de portais como Terra.com ou Sapo.pt. Logo chegaron Google e mais tarde as redes sociais, para buscar e partillar. Pero conforme todo ía medrando de tamaño era cada vez máis dificil chegar á xente. Iso fixo que se popularizaran cousas como o clickbait (titulares escandalosos para chamar a atención) ou que nas redes triunfen as cousas que xeran conflito e polarización. Todo para pelexar pola túa atención. Pouco a pouco iremos aprendendo a xestionalo pero polo momento non o estamos a facer moi ben… De feito xa hai quen aposta por iso que chaman “xaxún de dopamina”, ou simplemente desconectar un pouco.

No caso dos contidos en galego temos que sumar outra dificultade. Moita xente non ten o seu navegador na nosa língua, polo que os buscadores non amosan as páxinas de contidos que a priori lle poderían interesar máis. Grandes creadores de contidos non poden ser atopados mediante a busca simple, polo que non teñen unha ponte de conexión co público. Unha mágoa!

Orde é progreso ou… con xeito, mellor!

Na bandeira brasileira pódese ler “Ordem e progresso”, un lema que nós redefinimos para esta ocasión como “Orde é progreso” ou, dito doutra forma: “Con xeito, mellor”. Pensamos que se conseguimos ordenar, xuntar, clasificar e distribuír bo contido que xa se está facendo por aquí crearemos valor para os lectores, que agora poden atopar esas pingas que máis lles interesan, e tamén para os xeradores de contidos, que poderán alcanzar maior visibilidade. Ademais, cremos que esta iniciativa, que non deixa de ser unha ágora, un espazo de partilla e encontro, pode contribuir na construción e no reforzo da comunidade dixital galega.

Así que disto vai Agora.gal: de distribuír contidos en galego mediante a agregación voluntaria de creadores. E ti, anímaste?