Categorías
Música

A música en galego do 2020

Por @o_martinho

Covid-19, crise sanitaria, confinamento, distancia social… A nivel colectivo, probablemente o último ano sexa o mais estraño e complicado que teñamos vivido. E o que nos queda… Pero o 2020 tamén nos deixou moitas cousas que merecen ser lembradas, comentadas, partilladas… e tamén escoitadas! Porque por sorte para as nosas cabezas, este ano a música non parou!

Aquí vos deixamos, grazas a Martinho Ramos, o recompilatorio definitivo da música en galego do 2020. Perto de 300 temas publicados no YouTube de xaneiro a decembro. Pouca cousa, ou que? 😉

Playlist completa da música en galego do 2020

E se queredes ir ao máis destacado, aquí tedes outra lista cos 100 temas con máis reproducións! Ademais, o primeiro dos vídeos móstravos pequenos fragmentos das dez cancións máis escoitadas no YouTube durante o último ano. Dádelle ao play e desfrutade!

Top 100 da música en galego do 2020 (YouTube)

Neste fío de twitter podedes atopar as ligazóns a algunhas músicas que non entraron nas listas, pero seguro que aínda nos quedan temas e grupos por descubrir… Botades algo en falta? Lémosvos nos comentarios!

Categorías
A nosa internet

Liña cronolóxica: de Vieiros ao Galituiter

Por martaveigaizaguirre

Ao principio foi Vieiros. Do Blogomillo ao Galituiter

Liña cronolóxica da cibercultura en Galicia en 101 fitos: os acontecementos, os nomes e as datas máis sinaladas para a construcion dun ciberespazo en galego. Para a materia de ‘Cibercultura e redes sociais’ do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC. Por Marta Veiga Izaguirre. (Imaxe de fondo tirada da portada do caderno de Sermos Galiza ‘Debullando o Blogomillo’, publicado o 6 de novembro de 2014).

Ver liña cronolóxica

Categorías
Agora

Temos un propósito… agora

Pasouche isto?

Vivimos nun mar de información. Desde que chegou internet temos moreas de contidos ao noso dispor. De feito, non damos atendido a todo o que nos interesa, o que ás veces nos satura e mesmo nos chega a xerar estrés. Pero tamén nolo pode provocar o FOMO ou “medo a perder algo”. Son os paradoxos do noso tempo.

Porén, internet tamén ten moitas vantaxes. Por exemplo, permite que calquera xere información cun alcance e unha velocidade que antes eran impensables. Aquí estamos nós contándoche isto directamente, e hai moitísima xente preto de ti facendo o mesmo. ¡É magnífico! Peeeeero…

Se temos en conta o océano que é internet e as pingas que nós podemos crear, vemos que o impacto acaba sendo moi limitado. Ou ao revés, non conseguimos encontrar as pingas que realmente nos interesan no océano da información. Seguro que moitas veces deches con algo na rede que che fixo pensar: pero como non atoparía eu isto antes?

Un caos marabilloso

Internet é un caos marabilloso. Pero xa nos 90 houbo que pórlle orde coa chegada de portais como Terra.com ou Sapo.pt. Logo chegaron Google e mais tarde as redes sociais, para buscar e partillar. Pero conforme todo ía medrando de tamaño era cada vez máis dificil chegar á xente. Iso fixo que se popularizaran cousas como o clickbait (titulares escandalosos para chamar a atención) ou que nas redes triunfen as cousas que xeran conflito e polarización. Todo para pelexar pola túa atención. Pouco a pouco iremos aprendendo a xestionalo pero polo momento non o estamos a facer moi ben… De feito xa hai quen aposta por iso que chaman “xaxún de dopamina”, ou simplemente desconectar un pouco.

No caso dos contidos en galego temos que sumar outra dificultade. Moita xente non ten o seu navegador na nosa língua, polo que os buscadores non amosan as páxinas de contidos que a priori lle poderían interesar máis. Grandes creadores de contidos non poden ser atopados mediante a busca simple, polo que non teñen unha ponte de conexión co público. Unha mágoa!

Orde é progreso ou… con xeito, mellor!

Na bandeira brasileira pódese ler “Ordem e progresso”, un lema que nós redefinimos para esta ocasión como “Orde é progreso” ou, dito doutra forma: “Con xeito, mellor”. Pensamos que se conseguimos ordenar, xuntar, clasificar e distribuír bo contido que xa se está facendo por aquí crearemos valor para os lectores, que agora poden atopar esas pingas que máis lles interesan, e tamén para os xeradores de contidos, que poderán alcanzar maior visibilidade. Ademais, cremos que esta iniciativa, que non deixa de ser unha ágora, un espazo de partilla e encontro, pode contribuir na construción e no reforzo da comunidade dixital galega.

Así que disto vai Agora.gal: de distribuír contidos en galego mediante a agregación voluntaria de creadores. E ti, anímaste?