Categorías
Agora

O mellor está por vir

Ola, amigos. Canto tempo! Así, case sen contar, aló van uns poucos meses desde que lanzamos ao mundo agora.gal. E que son uns meses en tempo histórico? Pois nada, diredes vós. Pero a nós ese lapso de tempo deunos para moito… Por exemplo, para construírmos un lote de reflexións que hoxe, cunha boa dose de repouso, queremos compartir convosco.

O lanzamento de agora.gal

O 11 de abril do 2021 ás 11:00 botou a voar o noso proxecto. Fomos puntuais no lanzamento, aínda que vos temos que confesar que, internamente, a saída xa fora atrasada varias veces. As casuísticas foran diversas, aínda que no fondo a razón é ben sinxela: unha boa cociñada precisa tempo e amor, e nós quixemos darllo. Os últimos meses, frenéticos, permitíronnos afinar mellor a idea, acoller máis talento no equipo e integrar novos medios no metamedio que soñabamos. Todo ese traballo levábanos a encetar abril cargados de nervos: non queríamos defraudar as expectativas que se foran creando arredor desta criatura que chamamos agora.gal.

E por fin a web estivo no ar! Centos de retweets, mencións, comentarios, e-mails, whatsapps, telegrams… Dúas persoas a atender as redes sociais e non dábamos feito: nunca tal nos pasara! Levounos un par de días poder responder a tanto cariño, mais correspondelo… iso é un obxectivo máis ben de longo prazo. De nós falaban un lote de persoas que admiramos desde sempre, escribíannos desde proxectos que descubríamos no momento… E todos parabenizando pola idea e dando folgos. Aqueles primeiros días eramos o Cuco de Velle ollando para o espello. O subidón foi baixando, pero o calor aínda nos dura.

Por dar algunha medida das cousas: no primeiro día recibimos 5000 visualizacións de páxina; na primeira semana, máis de 10.000. Con respecto ás redes sociais, o total de impresións das mensaxes relacionadas co lanzamento superou as 400.000. En poucas horas pasamos duns centos de seguidores a máis de 4000. Demasiado.

O que veu despois

O lanzamento foi cuberto con grande agarimo por moitos medios de referencia para nós. Podemos destacar a entrevista en Praza Pública, o artigo de Gciencia, a cobertura de Que Pasa na Costa ou as reflexións desde A Movida, un dos proxectos integrados en agora.gal. Estivemos nas ondas coas entrevistas en Radio Fusión, nos Lambóns Dixitais da Radio Galega ou no Salta da Cama da Radio Estrada. Algún tempo despois, tamén participamos nos directos de Orgullo Galego xunto cos compañeiros da Revista Morcego. Moitos outros se fixeron eco, e seguro que moitos continuarán a falar de nós durante os próximos anos. Imos pouco a pouco, mais estamos aquí para durar.

Naquelas primeiras semanas tras a saída, as reunións de valoración interna foron frecuentes. Sobre a mesa, xunto co cariño dos amigos e a boa acollida dos medios, tamén había que colocar os números, os fríos números. Dentro do noso equipo, había quen tiraba do corazón e quen poñía máis cabeza. Gústanos ter un pouco dos dous, mais sobre todo gústanos compartir o que temos. En aberto.

Como o noso obxectivo é facer de ponte entre lectores e contidos, a métrica mais aliñada co que buscamos son os clicks que contabiliza a nosa web e que enviamos aos nosos creadores asociados. En correspondencia coa repercusión nas redes sociais e a boa acollida web, naqueles primeiros días os números foron espectaculares. Varios centos de clicks ao día, nalgunha ocasión superando os mil, apoiaban o sentido da nosa proposta. Logo, as métricas descenderon, mais con frecuencia seguimos por riba dos 100 clicks diarios. A web non caerá con tanto tráfico, mais é un comezo. As bases son sólidas e agora toca medrar.

O que está por vir

A onda de enerxía positiva que recibimos permitiunos manter un alto ritmo de traballo durante os primeiros meses. Reunións semanais, actualizacións sobre o proxecto para os nosos creadores de contidos, contacto e integración de novos medios, búsqueda de máis anunciantes que encaixen na nosa filosofía, xestión das redes sociais, retoques na web… Pero no verán houbo que baixar o ritmo, e o certo é que o baixamos ben. Máis do que nos tería gustado.

Mais como xa apuntamos, non vimos aquí para arder coa mecha curta. Vimos para durar. Chegou o outono, un principio de etapa para tantas cousas. E nós encarámolo coas baterías cargadas e con máis forza de traballo embarcada connosco. O rumbo está ben definido; toca alimentar o lume. Continuamos: o mellor está por vir!