Categorías
Agora

FNAQ – Todo o que nunca vos preguntastes sobre agora.gal

agora.gal por aquí, agora.gal por alá… Que non sabedes moito do que a andamos a argallar? Pois non vos preocupedes, porque nesta FNAQ (Frequently Not-Asked Questions, vamos, todo iso que nunca se vos pasou pola cabeza preguntarnos) están todas as respostas! ? E se vos queda algunha dúbida, lémosvos nos comentarios!

Que vén sendo iso de agora.gal?

Pois basicamente, unha iniciativa de agregación e distribución de contidos dixitais en galego. Con apariencia de medio de comunicación, agora.gal é moito máis que iso: é un medio de medios, é unha constelación de estrelas, é un mar a onde chegan os ríos do galego online, é unha porta aberta á nosa internet, é unha ágora para a comunidade dixital galega, é un…

Mimá, pero vós estades fatal. Como lle armades esta canfurnada?

Pois o proxecto parte dunha percepción que nós temos como lectores de contidos en galego. Non damos seguido todos os medios e os blogs que nos interesan! E podemos dicir máis: hai moitos proxectos interesantísimos que só descubrimos unha vez que comezamos a argallar isto. De feito, como xa comentamos por aquí, este marabilloso caos que é a internet non reserva o mellor dos lugares á información en galego. Entón, por que non impulsar un lugar de referencia desde o que chegar a ela? Algo parecido fixemos con podgalego hai xa case quince anos, e non funcionou mal… Pensamos que agora.gal pode aportar valor para os lectores, que accederán desde a mesma páxina a boa parte do mundo online en galego, e tamén para os proxectos que apostan pola comunicación na nosa lingua, que aumentarán a súa visibilidade.

Entón quedades cos contidos que fai outra xente?

Non exactamente. Cando alguén clica nunha ligazón partillada en agora.gal, o noso portal rediríxeo ao lugar onde o texto foi publicado orixinalmente, xerando tráfico para as propias webs. Respectamos moitísimo aos creadores de contidos e o que queremos é precisamente darlles un pequeno impulso. Ademais, se agora.gal funciona pode contribuír na construción da comunidade dixital galega, que ao noso ver non está sobrada de proxección nin tampouco de cohesión e de espazos de encontro.

E como facedes para que todos eses contidos cheguen á vosa web?

Pois durante uns anos dedicámonos a trackear os blogs e medios en galego, o que deu pé a este apartado de ligazóns. Logo, comezamos a contactar con eles para ver o interese que podían ter en participar nunha iniciativa coma esta, o que nos animou moito a poñernos ao choio. Para o noso lanzamento temos trinta blogs e medios colaboradores, e aínda estamos a facer contactos! Nada mal, ou? Pero volvendo á pregunta… O sistema está automatizado, de xeito que cando se publica un novo post nalgunha das webs que participan este entra directamente en agora.gal, organizado nalgunha das seccións que definimos. Nós só imos botando un ollo e, na medida do posible, dándolle uns retoques á portada para que esta sexa máis equilibrada e atractiva.

A ver, todo correcto, pero unha cousiña… podédesme dicir que quitades vós con isto?

Boa pregunta, hehehe. Nós decidimos botar a andar este proxecto porque o consideramos necesario, sen moita máis historia. Non deixa de ser unha iniciativa sen ánimo de lucro, aínda que nos gustaría que fose sustentable economicamente ofrecendo publicidade de empresas de ámbito galego, un asunto no que andamos a traballar.

E logo, o galego interesa tanto?

Pois cos anos que ten, algo interesará! Mmm, igual esa non é a nosa mellor resposta… ? Pero algo ten que interesar, con tantos millóns de persoas a falalo polo mundo adiante! O certo é que isto non deixa de ser un experimento. Iremos vendo canto interesa… De aquí a algún tempo contámosvos!

Veña, deixa de darlle visitas a okdiario e cociña con estes grandes blogues que temos por aquí!

7 respostas en “FNAQ – Todo o que nunca vos preguntastes sobre agora.gal”

Encántame iniciativa. A min, que viñen de pequeno de fora de Galicia e levo 40 anos aquí, educoume a miña familia para falar e respectar o idioma do lugar no que vivas. E creo que non son o único que pensa así, por iso si creo que hai interese polo galego na Internet e está xenial visibilizalo

Moitas grazas pola mensaxe, Sergio, fainos moita ilusión! Nós tamén estamos convencidos de que interesa 🙂 Levamos un tempiño traballando a tope para termos todo listo e a cousa foi atrasando, pero agora si que vai! Estes días teredes noticias!!

Eu preguntéis
Ti preguntaches
El preguntou
Nós preguntamos
Vós PREGUNTASTES
Elas preguntaron

Parabéns pola iniciativa! O de buscar visibilidade para os portais en galego xa está a funcionar: fedellando nesta plataforma atopei algunhas cousas xeitosas que non coñecía. Pero teño unha dúbida: de agora en diante ides agregar calquera portal en galego que o solicite ou aplicaredes algún tipo de selección (que haxa uns mínimos de calidade nos contidos, corrección lingüística…)? Grazas e un saúdo

Quen está detrás? De onde procede a iniciativa? Cal é a vosa sede?
Obrigado.

Comentarios pechados.